Tuesday 21 de May de 2024

Romaría comarcal de Alternativa dos Veciños, mañá na Finca Tenreiro


Alternativa dos Veciños invita a todos os cidadáns da comarca a participar na romaría que se celebra mañá sábado na Finca Tenreiro, en San Pedro de Nós. Trátase dunha festa aberta a toda a cidadanía na que haberá pulpeira, charanga, inchables para os nenos e nenas…

“Estou realmente abraiado porque temos apuntadas xa 1.070 persoas, máis todas as que irán por libre… O tempo vai ser inmellorable para estar alí á sombra baixo as árbores. Hai moitas ganas de festa e de pasalo ben, polo que animo a que veña calquera veciño ou veciña que simpatice con nós porque vai haber sitio para sentarse e comer”, dixo o presidente de Alternativa dos Veciños Ángel García Seoane.

A festa comeza ás 12:00 horas e prolongarase durante todo o día. Haberá mesas e cadeiras para compartir a comida ou comprar directamente alí polbo, churrasco, empanada, bebidas… Amenizará a xornada a Charanga Os Charangos e para os nenos e nenas haberá inchables e xogos populares. Está previsto que ás 14:00 horas interveña o presidente de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane.